8 de marzo: Unidas Ganamos Todas

No día de onte pola mañá concentrámonos na Praza das Cigarreiras xunto con CCOO para dar lectura o Manifesto Conxunto con motivo do 8M.

O motivo de elexir dita ubicación é porque a Fábrica de Tabacos foi un lugar de traballo feminino, de encontro, de sororidade, de apoio mutuo,... pero tamén foi un espazo de protesta laboral, xa que nela tuvo lugar a primeira folga das mulleres da historia de Galicia motivada pola chegada de novas máquinas que ameazaban algúns postos de traballo.

 

Neste 8M recordamos que as mulleres son discriminadas polo feito de ser mulleres no mercado laboral. Son discriminadas polo tipo de contratos que se lles ofrece, xa que por exemplo no Concello da Coruña dos contratos realizados ás mulleres no ano pasado o 45,8% foron a tempo parcial; se nos discrimina pola duración dos contratos, máis temporais; polo sector no que traballamos, máis feminizado e máis precario; e ademáis dentro do propio sector, onde ocupamos os postos peor remunerados.

Así mesmo, insistimos na necesidade de promover medidas de igualdade na negociación colectiva, esixir o cumprimento dos plans de igualdade, loitar contra a violencia de xénero no ámbito laboral, aumentar e mellorar as políticas activas de emprego e adoptar políticas con perspectiva de xénero e de plena igualdade nos dereitos das traballadoras do fogar. 
Ambos os sindicatos reclaman investir en educación en igualdade; que se garanta o dereito ao aborto, sen ningún tipo de coacción; e reforzar e garantir os instrumentos e recursos de vixilancia, control e sanción da Autoridade Laboral para o cumprimento efectivo do principio de igualdade no traballo.

 

► Manifesto conxunto