19 mortes no traballo, segue a ser unha cifra escandalosa e inasumible

Para UGT non é suficiente e esixe o cumprimento da Lei de Prevención de Riscos Laborais (LPRL)

Segundo os datos estatísticos de avance facilitados polo Ministerio de Traballo e Economía Social, correspondentes ao terceiro trimestre de 2023, no Estado producíronse 891.625 accidentes laborais, dos cales 468.075 provocaron a baixa laboral do traballador (o que supón un descenso do 1%) e reportáronse 423.550 accidentes laborais sen baixa (un 1% máis, con respecto ao mesmo período de 2022).

Ademais, rexistráronse 524 accidentes mortais, 99 menos con respecto aos datos anticipados do terceiro trimestre de 2022, co que se reduce este dato un 15,9%. Durante a xornada laboral faleceron 431 persoas, 83 menos que as rexistradas ata setembro de 2022, o que supón un descenso do 16,1%.

Na nosa provincia, producíronse 9.855 accidentes laborais con baixa, un 8% máis que no mesmo período do ano anterior (854); 8.970 en xornada e 885 en itinere. Ademais, rexistráronse 19 accidentes mortais, o mesmo número que nos datos rexistrados de 2022 para o mesmo período (2023: 17 en xornada, 2 en itinere).

Para UGT Coruña e Cee estas cifras seguen a ser escandalosas. Esta lacra debe facerse visible e deterse inmediatamente.

Mellora da calidade do emprego, un beneficio para a seguridade e saúde laboral

A mellora da calidade do emprego é un beneficio para a protección da seguridade e a saúde das persoas traballadoras. Está comprobado que a contratación temporal está ligada a unha maior incidencia de accidentes laborais durante a xornada, polo que é necesario seguir observando a evolución dos datos de sinistralidade para comprobar os efectos da reforma laboral.

O sindicato reitera a súa proposta de articular de xeito inmediato un Plan de Choque contra os Accidentes Laborais, para o que insta ao futuro Goberno a que cumpra, para abrir unha Mesa de Diálogo Social en materia de prevención de riscos laborais, onde se negocie dito Plan.

Entre as materias que hai que incluír non poden faltar os riscos psicosociais, que están relacionados coa primeira causa de morte por accidentes laborais no noso país, que son os infartos e os ictus. É evidente que a saúde mental das persoas traballadoras está a deteriorarse", como demostra o Informe de UGT: 'Saúde Mental e Traballo'.

No noso país, ata o 1 de outubro rexistráronse 451.646 baixas de persoas traballadoras por problemas de saúde mental e estímase que 2023 rematará con máis do dobre de baixas que no mesmo período de 2016. Ademais, ata o terceiro trimestre do ano morreron 193 traballadores por infartos ou ictus ocorridos durante a xornada laboral.

É importante que as empresas cumpran con rigor a lexislación en materia de prevención de riscos laborais para evitar que se produzan accidentes laborais xa que, en algo máis dun terzo dos accidentes laborais producidos durante a xornada laboral no 2022, non se realizou ningunha avaliación de riscos. Hai que deixar de ver a prevención de riscos laborais como un custo e comezar a considerala como un investimento. As estimacións indican que, por cada euro investido en seguridade e saúde no traballo, o beneficio que obtén a empresa é aproximadamente o dobre.

UGT demanda a creación dunha figura similar á do Delegado Territorial de Prevención de Riscos Laborais a nivel estatal, xa que contribuiría a mellorar a PRL nas pemes do noso país que non teñen representación sindical.

Por último, insiste en que hai que dotar de máis medios humanos e materiais á Inspección de Traballo, para controlar o cumprimento da normativa, e á Fiscalía de Saúde Laboral, para investigar e determinar responsabilidades.