XXII Premio 1º de Maio UGT A Coruña e Cee

Fecha: 29 Abr 2026

Imaxe das persoas premiadas nesta edición dos Premios 1 de Maio

Hoxe 30 de abril, a Unión Comarcal de UGT A Coruña e Cee fixo entrega da XXII edición dos seus tradicionais Premios 1º de Maio, cos que ano tras ano distingue a persoas que se significan no eido laboral e sindical.

Este ano os galardóns son para :

Recepción do premio de Fina Martínez

Fina Martínez, Federación de Servizos Públicos (FeSP).

Fina é unha compañeira que dende a súa afiliación en xuño de 1990, ten unha traxectoria sindical na que foi asumindo compromisos e dedicación crecente dende os seus inicios en órganos de representación de persoal como delegada sindical e membro electo do Comité de Empresa de Política Social en 2005, pasando a formar parte do Comité Intercentros do persoal laboral da Xunta de Galicia en 2010.

No ámbito orgánico do sindicato comezou sendo a responsable da Secretaria Xeral da Sección Sindical de Política Social, pasando a formar parte da Comisión Executiva Provincial de A Coruña en 2008, como responsable da Secretaría de Política Sindica, cargo no que permaneceu ata o 2015, ano no que se incorpora a Comisión executiva de Servizos Públicos como responsable da Secretaria de Coordinación Electoral e Afiliativa da Executiva de FeSP-UGT Galicia, cargo no que permaneceu ata 2025 cando retornou a comarca de A Coruña-Cee para desempeñar a Secretaria territorial ata que suspendeu a súa andaina orgánica en primeira liña.

Fina é unha persoa con un gran compromiso, xenerosa e afable adicación a UGT, e dispón todo o afecto e recoñecemento dos compañeiros e compañeiras.

Juan Carlos Tages e Santiago López recibindo o premio

 

Juan Carlos Tages e Santiago López, Federación de Servizos, Mobilidade e Consumo (FeSMC).

Juan Carlos e Santiago, naceron no ano 64 e levan afiliados á UGT dende o ano 1990, poderíase dicir que levan 2/3 da súa vida afiliados á UGT.

Ambos pertencen á empresa Prosegur Cash, a empresa que transporta o diñeiro aos bancos, a dos furgóns amarelos.

Juan Carlos, é o presidente do Comité de Empresa e Santiago, é o presidente do Comité de Seguridade e Saúde. UGT é o único sindicato con representación na Empresa e a afiliación supera con creces o 50% da plantilla.

Juan Carlos destaca pola súa empatía, positividade e capacidade de resolución de conflitos, e Santi, o fai pola súa combatividade, forza e tesón. Ambos complémentanse á perfección na defensa dos dereitos dos seus compañeiros e compañeiras, os cales desfrutan dunhas condicións laborais moito máis beneficiosas que outras compañeiras e compañeiros doutras provincias.

A súa labor sindical non se queda nese ámbito pois Juan Carlos é o Responsable do Sector de seguridade privada de UGT en Galicia e Santiago é o Responsable  da Sección Sindical no ámbito galego.

Ambos son uns grandes loitadores, pois Juan Carlos Tages superou un infarto e Santiago López un cancro, todo elo sen abandonar a súa actividade sindical.

Juan Carlos define a Santiago como un “gran compañeiro sindicalista, moi reivindicativo” e Santiago define a Juan Carlos como “o mellor compañeiro de viaxe, cunha gran capacidade de consenso”. Así mesmo, o Secretario Xeral da Fesmc UGT da Coruña, Juan Manuel Carreira, di que Tages e Santi "son ese tipo de compañeiros, que por moi difíciles que se poñan as cousas, sempre están ao teu carón apoiando, sempre están cuando se necesitan”.

 

María Nieves Castelo, Federación de Industria, Construción e Agro (FICA).

Dende moi nova dedica a súa vida á UGT. Afiliada dende o ano 1986, sendo membro do Comité de Empresa do sector téxtil, tivo que afrontar o peche da empresa cunha situación complicada para as traballadoras e traballadores que quedaron na rúa. 

A partires de dito momento seguiu colaborando co sindicato Comarcal da Coruña de téxtil-pel. Nunha época que, xunto cun grupo de compañeiras, e moi escasos medios gañaron por primeira vez ás eleccións na provincia da Coruña do Sindicato téxtil - pel. Resaltar que o traballo foi realizado con total dedicación e sen remuneración algunha.

Logo dese logro histórico para o sector, e despois dun congreso, foi elixida Secretaria Xeral Provincial da Federación de Téxtil. Todo isto, nunha época na que a organización a nivel xeral non prestaba moita axuda ás compañeiras que pertencían ao sector. Aínda así, todas traballaban moito e sen apenas recursos para mellorar as condicións das traballadoras do téxtil.

Pouco despois lévase a cabo a fusión histórica da Federación de Industrias Afines (FIA-UGT) que integraba os sectores químico, enerxético, téxtil-pel e mineiro e, volve a ter responsabilidades no sector téxtil. Sector que queda fora da Federación nun Congreso Ordinario posterior.

Despois de toda esta traxectoria, o Secretario Xeral de alimentación Manolo Ferreiro, tendo en conta a súa valía, consegue incorporala no sector de alimentación para facerse cargo das eleccións sindicais en Santiago. Do seu traballo e esforzo nace a proposta de integrala na executiva de alimentación, regresando así á Coruña e encargándose integramente do sector alimentario. Queremos resaltar que gran parte da súa traxectoria e compromiso co sindicato é sen ningún tipo de remuneración.

En maio de 2011, a FIA-UGT fusiónase coa Federación Agroalimentaria (FTA-UGT) para crear a FITAG-UGT (Federación de Industrias e Traballadores Agrarios), no que se agruparon gran parte destos sectores.

A partir dese momento a compañeira, continuou facendo eleccións e atendendo aos distintos Comités, delegados e delegadas e cantos procesos se deran no día a día da organización. Dentro da Federación de FITAG, foi elixida Secretaria do sector Téxtil-Pel de Galicia, foi membro da mesa negociadora do Convenio do Téxtil e realizou varios viaxes para xornadas, conferencias e actos sobre a Industria do Téxtil.

A súa responsabilidade no traballo, querer facer ben o seu traballo, a súa dispoñibilidade sempre, e seu bon talante levouna a superar todos os medos e a cumprir co seu trabalo.

En maio de 2016, FITAG-UGT fusionouse coa MCA-UGT (Metal, Construción e Afines) para constituír a actual FICA-UGT, nesta nova Federación segue a día de hoxe como traballadora, nas funcións diarias do sindicado de Fica-Coruña e Cee.

É unha boa compañeira, boa persoa, traballadora e sempre disposta a axudar alí onde é necesario e sempre, sempre defendendo á UGT. 
 

¤ Máis imaxes