UGT esixe unha revisión ambiciosa da Lei de Prevención de Riscos Laborais no diálogo social

É necesario establecer garantías de cumprimento da normativa en materia de seguridade e saúde laboral

Fecha: 19 Mar 2024

Persoa estresada diante dun portatil

Os datos de comezos de ano indican un incremento dos accidentes con baixa que se produciron en xornada laboral (+38%) e unha diminución nos accidentes de traballo en itinere (-42%). Ademais, xaneiro comeza con 2 falecidos por accidente de traballo que, aínda que supón un descenso dunha persona traballadora menos que os rexistrados durante o primeiro mes de 2023, segue a ser unha cifra inasumible.

Estes datos demostran que as empresas seguen incumprindo a normativa en materia de prevención de riscos laborais. Os infartos e ictus seguen sendo a primeira causa de morte no traballo en España, así como os accidentes de tráfico e os sobreesforzos musculoesqueléticos,que xunto aos golpes, son as primeiras causas de baixa por accidente de traballo.

Neste contexto, UGT esixe ambición e compromiso á hora de revisar a Lei de Prevención de Riscos Laborais na mesa de diálogo social que se abriu o mes pasado. Considera que esta oportunidade non se pode desaproveitar e que esta lacra para a seguridade e a saúde das persoas traballadoras continúa.

O sindicato insiste tamén en que a xestión dos riscos psicosociais, a inclusión da perspectiva de xénero, abordar os efectos sobre a seguridade e saúde das transicións dixitais, ecolóxicas e demográficas, mellorar a calidade dos servizos de prevención , son cuestións que, entre outras, debemos recoller na Lei de Prevención, que ten case 30 anos e que cómpre actualizar.

UGT demanda tamén un incremento dos medios humanos e materiais para a Inspección de Traballo, deste xeito conseguirase aumentar o número de visitas ás empresas e controlar o cumprimento da normativa preventiva.

Garantir o cumprimento da lei

Mentres non se reforce a Inspección de Traballo, é necesario establecer garantías de cumprimento da normativa en materia de seguridade e saúde laboral, xa que de nada serve contar cunha Lei avanzada se non se garante o seu cumprimento por parte das empresas.

Neste sentido, o sindicato propón habilitar ás Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, como “auxiliares ou colaboradores” da Inspección de Traballo en cumprimento preventivo, cando se atopen situacións constitutivas de infraccións graves ou moi graves.  

Por último, o sindicato insiste na importancia de crear unha figura similar á da Delegada Territorial de Prevención de Riscos Laborais a nivel estatal, xa que é unha realidade que os centros de traballo sindicalizados son centros máis seguros. A creación desta figura axudaría a mellorar a PRL nas pemes do noso país que non teñen representación sindical. Paralelamente, esiximos que se recoñeza o crédito horario aos delegados de prevención.