UGT Coruña apoia a decisión da UDC de asumir o servizo de limpeza a través da súa Fundación

A patronal de empresas de limpeza ASPEL, interpuxo un recurso en xuño ante o TACGAL, que retrasa que o servizo de limpeza da UDC poida comezar a prestarse directamente pola FUAC.

Fecha: 20 Set 2023

Imaxe da Facultade de ciencias da comunicación da UDC

No pasado mes de maio, a Universidade da Coruña (UDC) comunicou aos sindicatos, que o servizo de limpeza da mesma pasaría a ser asumido pola Fundación Universidade de A Coruña (FUAC), coa finalidade de acadar unha maior eficacia, eficiencia, economía e calidade.

Por parte de UGT Coruña, esta noticia foi acollida con satisfacción, xa que proporcionaba empregos con maior estabilidade e de máis calidade, que estando suxeitos as diferentes adxudicacións que se puideran dar, como se viña prestando o servicio ata o de agora. 

Pero agora infórmasenos que a prestación de este servicio non pode ser asumida de momento pola FUAC, debido a que a patronal de empresas de limpeza ASPEL, interpuxo un recurso especial en materia de contratación en xuño ante o TACGAL. Dito recurso se fundamenta unicamente nunha cuestión de prazos, xa que se considera que a xustificación da medida foi remitida posteriormente a decisión do Reitor, polo que haberá que retrotraer o expediente ao momento do seu inicio.

Con este recurso, o único que pode conseguir ASPEL é dilatar o proceso, xa que a decisión non debe modificarse dadas as mellores garantías de prestación do servicio directamente pola FUAC.

Dende UGT Coruña instamos a retirada deste recurso, para non xerar incerteza nas traballadoras que prestan o servicio de limpeza da UDC.