Tres novas xornadas de folga esta semana no sector do transporte de persoas viaxeiras por estrada da Coruña

Este luns está prevista unha mediación na sede do Consello Galego de Relacións Laborais en Santiago

O sector do transporte por estrada de viaxeiros da provincia da Coruña continúa coas xornadas de folga e esta semana foron tres, o luns, o martes e a de hoxe. Folga que, se non hai un acordo antes, pasará a ser
indefinida a partir do día 2 de febreiro.

Neste senso, o pasado venres os sindicatos convocantes solicitaron unha mediación que, finalmente, despois dun rexeitamento inicial por parte da patronal que a condicionaba a poñerlle fin aos paros, terá lugar este luns na sede do Consello Galego de Relacións Laborais en Santiago. 

Lembrar que dende o sector reclámase un convenio digno, levan catro anos cun convenio paralizado coa
complicidade da Xunta, a pesar de que se está a falar dun servizo esencial básico e dun dos piares da mobilidade desta Comunidade.

Os traballadores e traballadoras do sector esixen, ademais dun incremento salarial que garanta o
seu poder adquisitivo, unha redución da xornada que permita unha conciliación real da vida profesional e
a persoal.

E, para garantir isto, ademais de reducir a xornada, demándase unha reordenación da mesma, que sexa coherente e que permita a demandada conciliación.

Tamén se pide unha actualización dos permisos retribuídos e días de  asuntos propios.

Outra das demandas que se establece de cara á negociación é a necesidade de acometer a xubilación parcial para o sector e que este sexa tratado como un servizo público. A mellora das condicións laborais é necesaria, como apunta Iván Cancela (FeSMC-UGT), para garantir o relevo xeneracional que xa esá aí e está a converterse nun gran problema poque se á xente moza non lle ofreces unhas condicións laborais
dignas non conseguirás atraela cara o sector.

Lembrar que, se non hai un acordo antes, a folga convertirase en indefinida a partir do día 2 de febreiro.