A tendencia do mercado laboral segue a ser positiva
É necesario abordar as reformas restantes necesarias para mellorar a situación das persoas no mercado laboral
Fecha: 07 Xul 2026
As cifras de desemprego e afiliación á seguridade social de xuño, confirman a tendencia positiva do mercado laboral, cun aumento significativo da ocupación e unha diminución do desemprego rexistrado. Aínda que estas cifras están influenciadas polo patrón estacional característico deste mes, marcado polo impulso da contratación asociado ao inicio da tempada estival.
A afiliación á Seguridade Social na provincia da Coruña medrou en 3.809 persoas, ata alcanzar un total de 491.051. En termos anuais, a afiliación aumentou en 10.639 persoas, o que confirma que a creación de emprego segue sendo forte. Trátase dun dato especialmente positivo, que reforza a fortaleza do mercado laboral e a capacidade da economía española para seguir xerando emprego.
Mentres tanto, o desemprego rexistrado baixou en 1.301 persoas, chegando ata 42.095 persoas rexistradas como paradas. A diminución interanual é de 352 persoas.
Durante este mes, formalizáronse un total de 34.122 contratos, dos cales 9.660 foron contratos indefinidos, o que representa o 28,31 % do total.
Non obstante, a tendencia positiva no emprego non debería ocultar o feito de que un número significativo de persoas seguen desempregadas de longa duración, para as que a reincorporación ao mercado laboral resulta especialmente difícil. Esta realidade fai que sexa esencial reforzar e modernizar as políticas activas de emprego, mellorando os servizos de orientación, formación e inserción laboral para ofrecer solucións adaptadas ás necesidades de cada persoa. Só deste xeito será posible que o dinamismo actual do mercado laboral chegue tamén a aquelas persoas que se enfrontan aos maiores obstáculos para atopar emprego.
É necesario abordar as reformas restantes necesarias para mellorar a protección das persoas traballadoras. Entre elas, destaca a adaptación dos procedementos de despedimento ás normas da Carta Social Europea, tal e como reiteraron as institucións europeas, garantindo pagamentos verdadeiramente compensatorios e un efecto disuasorio contra os despedimentos improcedentes. Os avances nesta dirección permitirían unha mellora continua da calidade do emprego e o fortalecemento dos dereitos laborais sen poñer en perigo o dinamismo do mercado laboral.
En definitiva, un mercado laboral forte debe traducirse tamén nunha mellora real das condicións de vida das persoas traballadoras. Para iso, o próximo Acordo para o Emprego e a Negociación Colectiva debe incluír un aumento do salario mínimo do 4 % anual para o período 2026-2028, complementado con aumentos adicionais do 1 %, 2 % e 3 % dependendo da diferenza entre o salario medio estipulado no convenio colectivo e o salario medio nacional.
Tamén é necesario ampliar a cobertura das cláusulas de garantía salarial e garantir a efectividade dos aumentos pactados, evitando o uso de mecanismos de absorción e compensación que reducen o seu impacto real nos salarios. Ademais, é fundamental continuar a elevar o Salario Mínimo Interprofesional para reforzar a protección das persoas con ingresos máis baixos. Todo isto é aínda máis importante nun contexto no que o elevado custo da vivenda está a absorber unha parte crecente dos aumentos salariais e a limitar a súa capacidade para mellorar as condicións de vida da poboación traballadora.
Datos principais na Provincia da Coruña
- En xuño rexistráronse un total de 42.095 persoas en situación de desemprego, 1.301 persoas menos que o mes anterior. En termos anuais, o paro baixou en 352 persoas (-0,83%).
- Neste mes hai 675 homes e 626 mulleres menos rexistradas como paradas con respecto a maio. En termos anuais, o paro feminino baixou en 492 mulleres e o masculino aumentou en 140 homes. As mulleres representan o 58,64% das persoas desempregadas.
- O número de mozos e mozas inscritos como desempregadas son 1.657 en xuño, o que supón unha diminución de 142 persoas menores de 25 anos desempregadas menos que en maio. En termos interanuais, o desemprego entre os menores de 25 anos aumentou en 145 persoas.
- Respecto das persoas traballadoras estranxeiras na Coruña, o número de paradas rexistradas aumentou en xuño en 96 persoas; chegando a un total de 4.101 persoas estranxeiras desempregadas. En termos anuais obsérvase un aumento de 578 persoas estranxeiras desempregadas.
- A información por sectores amosa unha diminución de 1.301 persoas paradas. Se produce un aumento de 69 persoas no colectivo sen emprego anterior, e unha diminución de 75 persoas no sector do agro, 116 persoas na industria, 1.117 persoas no sector de servizos e 62 no sector da construción.
- O número de persoas afiliadas á Seguridade Social aumenta en 3.809 persoas en xuño, ata alcanzar unha media de 491.051 persoas afiliadas.
- O número de contratos totais foi de 34.122, dos cales 9.660 foron de carácter indefinido.
- O peso das persoas traballadoras fixas de xuño sobre o total dos contratos sitúase neste mes no 28,31%.
Datos principais dos Concellos da UGT A Coruña e Cee
- Os datos da evolución do paro amosan, con respecto a o mes anterior, unha diminución de 95 persoas nos Concellos da UGT Cee (son 1.610 as persoas rexistradas como paradas). En termos anuais, o paro baixou en 66 persoas (-3,94%). Os Concellos nos que se rexistra un descenso de paro maior son Camariñas (22 persoas), Muros (21 persoas) e Muxía (19 persoas). Rexistrándose un aumento de paro nos Concellos de Outes (7 persoas) e Corcubión (4 persoas).
- Nos Concellos da UGT A Coruña, os datos da evolución do paro amosan unha diminución de 524 persoas (son 21.648 as persoas rexistradas como paradas). En termos anuais, o paro baixou en 72 persoas (-0,33%). Os Concellos nos que se rexistra un descenso de paro mais acusado son: A Coruña (134 persoas) e Oleiros (50 persoas). Non se rexistra un aumento de paro en ningún dos concellos e, o Concello de Vilarmaior mantén o mesmo número de persoas en situación de desemprego.