Sindicalistas feministas por políticas públicas de erradicación das violencias machistas

Reforzamos a nosa determinación de utilizar a forza do sindicalismo de clase feminista para o obxectivo común de erradicar todas as formas en que se produce a violencia machista

Fecha: 25 Nov 2026

Concentración na prazas das cigarreiras

Con motivo do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller, UGT, xunto con CCOO, reafirmamos o noso compromiso coa erradicación de todas as formas de violencia de xénero e facemos un chamamento á sociedade no seu conxunto para que combata as desigualdades estruturais que as sustentan. Exiximos o reforzo das políticas públicas de igualdade, prevención e protección das vítimas, con recursos suficientes e servizos especializados que garantan a atención integral ás mulleres e menores afectados. Tamén alertamos do perigo que supoñen a retórica negacionista e os retrocesos nas políticas de dereitos e igualdade.

UGT advirte de que a violencia de xénero segue a ser unha realidade alarmante, mesmo no ámbito laboral. Polo que insistimos na necesidade de reforzar a negociación colectiva, garantir a aplicación efectiva dos protocolos contra o acoso sexual e o acoso por razón de sexo e ampliar os dereitos sociolaborais das vítimas de violencia de xénero e sexual. Ademais, xunto con CCOO, defendemos a creación dunha figura específica para a representación sindical en materia de igualdade nas empresas, con funcións asesoras en materia de violencia de xénero.

Recoñecemos os avances acadados, pero subliñamos que aínda queda moito por facer. Por iso, pedimos a aprobación urxente dunha lexislación contra a violencia vicaria e a trata e explotación de seres humanos, así como a plena aplicación do Convenio 190 da OIT sobre a violencia e o acoso no mundo laboral. Tamén esiximos que as administracións públicas garantan recursos sostibles, persoal especializado e servizos públicos esenciais para a prevención, protección e recuperación das vítimas, prestando especial atención ás mulleres que se atopan en maior vulnerabilidade.

Reiteramos que a loita contra a violencia de xénero require unha resposta colectiva, sostida e comprometida por parte das institucións, os centros de traballo e a sociedade no seu conxunto. Porque garantir unha vida libre de violencia de xénero é unha condición esencial para avanzar cara a unha sociedade verdadeiramente democrática e igualitaria. Polo que facemos un chamamento a todas as traballadoras e á cidadanía a participar nas mobilizacións feministas previstas para o 25 de novembro. 

» Manifesto 25N.
» Díptico.

25N