A sanidade privada da provincia da Coruña continúa mobilizándose

Os traballadores e traballadoras da sanidade privada da provincia da Coruña abriron un calendario de mobilizacións xa hai 15 días para demandar un convenio digno para o sector.
Esta semana tivo lugar a cuarta mobilización, unha concentración fronte ao Hospital Modelo na Coruña. Lembrar que nas últimas semanas xa tiveron lugar concentracións na Coruña, Santiago e Ferrol.
As negociacións do convenio remóntanse a decembro de 2022 cando UGT, xunto con CIG e CCOO, propuxeron unha redución do total de horas a 1.720; que non se tocase o 5% do salario base nos trienios; que non se tocase o cobro do 100% no caso de baixa; e que os domingos se pagasen con 30 euros; así como a necesidade de actualizar as táboas salariais.
Pola súa banda, a patronal négase a baixar das 1.792 horas anuais; en canto aos trienios, limítase a unha cantidade fixa; pretende reducir o cobro nos tres primeiros días das baixas; e négase a pagar os domingos. 
Ante esta situación de bloqueo, os traballadores e traballadoras estanse a mobilizar en demanda dun convenio digno.