Primeiro de maio: protexer o conquistado, gañar futuro
Dende UGT chamamos á cidadanía a mobilizarse
Fecha: 29 Abr 2025

As organizacións sindicais CCOO e UGT, firmemente comprometidas cun sindicalismo internacionalista, solidario e transformador, reafirmamos neste 1º de Maio o noso compromiso coa cooperación intersindical e a defensa dos dereitos laborais e sociais en todo o mundo. Nun contexto global de profundas transformacións, reivindicamos o sindicalismo como ferramenta esencial para construír sociedades máis xustas e democráticas.
Rendemos homenaxe a quenes son perseguidos e asasinados por defender os dereitos sociais e laborais e expresamos a nosa solidariedade cos pobos que sofren represión, ocupación e guerra. Condenamos a persistencia do conflito bélico en Ucraína tras a invasión de Rusia. Esiximos o fin da ocupación en Palestina, da limpeza étnica da súa poboación, o fin do xenocidio en Gaza e os ataques indiscriminados en Cisxordania. Nin o silencio nin a neutralidade son opcións. A inacción da comunidade internacional está a permitir que o goberno de Netanyahu continúe violando o dereito internacional. Reafirmamos a nosa solidariedade e compromiso coa causa do pobo palestino, o seu dereito para ter un Estado propio, no que poida convivir en paz e seguridade co Estado de Israel.
A guerra comercial impulsada pola nova administración Trump, coa imposición de aranceis que ameazan gravemente ao comercio mundial, require unha resposta firme e coordinada da Unión Europea. Fronte ás políticas das extremas dereitas, que promoven o desmantelamento do Estado de benestar, a deterioración dos servizos públicos, o odio á diversidade, a oposición a políticas de igualdade, a súa defensa do racismo e a xenofobia ou o negacionismo da crise climática, súmase unha aberta hostilidade ao proxecto europeo. Para facer fronte a iso é preciso reforzar a cooperación dos estados membro para seguir avanzando nunha Europa forte e unida, cunha maior integración política que priorice a xustiza social, reduza as desigualdades sociais e acabe coa pobreza, mobilizando recursos e levando a cabo políticas expansivas que cren emprego de calidade a través do reforzo industrial, da transición enerxética e a innovación dixital, coa participación do sindicalismo de clase como garante da democracia, a cohesión social e a igualdade.
En España, é imprescindible seguir impulsando o diálogo social para reforzar o emprego digno, mellorar os salarios a través da negociación colectiva, garantir o dereito á vivenda, especialmente danado entre a mocidade, pero que supón un problema social de primeira orde, e avanzar en igualdade de xénero e na loita contra a violencia machista. Reclamamos ademais o compromiso político para aprobar lexislativamente o acordo entre Goberno e sindicatos que fixa a xornada máxima legal en 37,5 horas semanais.
Este Primeiro de Maio, UGT e CCOO facemos un chamamento á mobilización en defensa dos dereitos sociais e laborais, e en respaldo ao proxecto europeo como piar de democracia social, convivencia e progreso. Agora máis que nunca, é necesario protexer o conquistado e mobilizarnos para gañar o futuro.
