Por unhas condicións dignas en Quirón Prevención

Fecha: 23 Xuñ 2022

Imaxe da pancarta durante a concentración

As traballadoras e traballadores da empresa Quirón Prevención (principal operador do sector da prevención de riscos laborais e que pertence ao grupo Quirón Saúde, unha das maiores compañías de saúde privada en España), convocaron no día de hoxe paros parciais de dúas horas en todos os centros de traballo.

Ademais, realizaron unha concentración diante da súa sede na Coruña.

Esta medida ven propiciada pola postura inmobilista e de bloqueo  da Dirección de Quirón Prevención coa súa, principalmente en tres puntos básicos:

1º. Incremento salarial: as seccións sindicais de UGT, CCOO e CSIF reivindican unha subida que estea en equilibrio cos grandes beneficios obtidos pola empresa durante estes últimos anos. Cun convenio bloqueado dende hai ano e medio a empresa só ofrece unha subida do 3,5% acumulado nos catro anos de vixencia do futuro convenio, o que traería consigo unha perda de poder adquisitivo inasumible dada a evolución do IPC. Todo isto, mentres a empresa bate récords de beneficios ano tras ano.

2º. Teletraballo ou traballo a distancia: a Dirección non fai ningunha oferta de compensación de gastos para as persoas que traballan dende o seu domicilio e impón límites de acceso a determinados colectivos, como o administrativo, informático e sanitario, sen que exista unha razón obxectiva para elo, téndose demostrado durante a pandemia que é viable.

3º. Finalmente, e como punto máis gravoso, os traballadores e traballadoras de Quirón Prevención están a sufrir unha excesiva carga de traballo en todas as áreas, o que nunha empresa adicada a previr os riscos laborais é inaceptable. Carecendo o persoal do tempo suficiente para prestar un servizo de calidade, o que repercute directamente nas persoas usuarias deste servizo de prevención de riscos laborais.

Dende UGT se van a utilizar todos os mecanismos de presión dos que dispoñen e que non van cesar ata que a Dirección da empresa mova ficha e garanta unhas condicións dignas.