O sector do comercio de alimentación da provincia da Coruña reclama nunha gran manifestación condicións laborais dignas
Tres xornadas de folga convocada para os días 10, 11 e 13 de outubro.
Fecha: 21 Set 2026
Seguindo co calendario de mobilizacións programado, as traballadoras e traballadores do comercio de alimentación da provincia da Coruña manifestáronse o pasado domingo polas rúas da cidade herculina en demanda dun convenio laboral digno que recolla unhas condicións sociais e laborais equiparables ás que existen noutros convenios do sector.
Xa antes do verán abriuse este calendario de mobilizacións, xa hai tres meses, con xornadas de folga, concentracións fronte aos centros de traballo e manifestacións que á volta das vacacións retómase con tres xornadas de folga os días 10, 11
e 13 de outubro.
Entre as principais reivindicacións figuran a recuperación e mantemento do poder adquisitivo, a redución da xornada anual, a mellora da conciliación da vida laboral e persoal e unhas condicións económicas e sociais máis favorables. Pola contra,
as propostas presentadas pola patronal, encabezada por Gadis e Froiz, non dan resposta ás principais demandas da parte social, todo isto mentres manteñen importantes beneficios.
Chaman a atención as grandes diferenzas entre as condicións do convenio provincial da Coruña e as existentes no comercio de alimentación da provincia de Pontevedra. Gadis e Froiz, empresas presentes nos dous territorios, aplican condicións
económicas moi distintas segundo a provincia, que poden chegar aos 4000 euros anuais nalgúns casos, o que evidencia que hai marxe de mellora.
A disposición a seguir negociando por parte dos sindicatos está aí pero, sen avances reais, o conflito continuará.