O sector da educación infantil mobilizouse este mércores polo bloqueo na negociación do Convenio

Estes mércores sucedéronse diversas mobilizacións convocadas por UGT, xunto con outros sindicatos, das traballadoras e traballadores do sector da educación infantil de 0 a 3 anos en Galicia. Mobilizacións que anteceden á xornada de folga convocada para o día 19. 

Lembrar que a última reunión tivo lugar o 24 de novembro, no marco da negociación do XIII Convenio Colectivo. Nas xa doce reunións da mesa negociadora, as patronais non mostraron vontade de chegar a ningún acordo que permita ás traballadoras recuperar o poder adquisitivo perdido e obter uns salarios dignos e xustos, acordes coa responsabilidade do seu labor educativo e social coas crianzas. 

Os sindicatos insisten no malestar coa marcha das negociacións, que se iniciaron hai máis dun ano e medio, nas que as patronais non souberon estar á altura das necesidades do sector.
As reivindicacións continúan na liña dos últimos meses: denunciar o inmobilismo nas negociacións do XIII Convenio colectivo de centros de educación infantil, estancado desde hai máis dun ano e medio, e defender os dereitos laborais, sociais e salariais das traballadoras das escolas infantís privadas e de xestión indirecta.

A actitude das organizacións patronais pon de manifesto a falta de vontade negociadora co ánimo de atrasar e evitar afrontar a necesaria actualización dos salarios, que actualmente se atopan por debaixo do Salario Mínimo Interprofesional (SMI), impedindo así que as traballadoras poidan recuperar o poder adquisitivo perdido. Ademais, negan a necesidade de incrementar o diferencial salarial para as educadoras infantís e tamén se opoñen á aprobación dunhas táboas salariais equilibradas, dignas e xustas para todo o sector.

As patronais causaron un grave prexuízo ás traballadoras do sector da xestión indirecta ao impedir o asinamento dunhas táboas salariais vinculadas aos pregos de condicións dos últimos concursos públicos. Esta negativa priva ás traballadoras dunha remuneración xusta e acorde coas súas responsabilidades laborais.

Desde o inicio das negociacións no 2022, as propostas salariais e as condicións laborais en cada nova reunión foron diminuíndo, ata hoxe. Por exemplo, hai xusto un ano, negociábase coa patronal da xestión indirecta unha proposta súa, xa insuficiente daquela, nas seguintes cantidades a cobrar en 2026: 1.660 € para a categoría de mestre/a, 1.360€ para as educadoras e 1.245 € para o resto das categorías. Se se compara coas táboas propostas actualmente, para a categoría de mestre/a a cantidade baixa a 1.611,10 €, na categoría de educador/a o salario descende
a 1.236,43 € e para o resto de categorías preténdese negociar a 1.166,40, lonxe da cantidade inicial. Polo tanto, os recortes salariais respecto ás propostas que se negociaban hai
un ano son evidentes.