O persoal do Servizo de Axuda no Fogar do Concello de Arteixo está a vivir unha situación insostible
Resposta ás acusacións do goberno local no último pleno municipal.
Fecha: 04 Ago 2025

As delegadas sindicais da CIG e de UGT-SP do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) de Arteixo Norte queren denunciar publicamente a situación insostible que se está a vivir neste servizo, así como as graves acusacións vertidas polo goberno local no último pleno municipal, celebrado recentemente no Concello de Arteixo.
Este comunicado nace como resposta directa ás declaracións feitas polo executivo municipal, nas que se intentou responsabilizar ás traballadoras e ás súas representantes sindicais da desorganización do servizo. Fronte a isto, non poden nin queren calar, pois o que se pretende é desviar a atención e ocultar a responsabilidade real dunha mala xestión prolongada no tempo, tanto por parte da empresa concesionaria Osventos Innovación en Servizos SL como polo propio Concello.
No citado pleno, acusouse falsamente de boicotear o servizo, de exercer mala coordinación, de intimidar ás compañeiras e mesmo de promover unha folga encuberta. Acusacións gravísimas e totalmente infundadas que vulneran a súa dignidade profesional e sindical, e que supoñen unha forma de acoso institucional que non poden permitir.
Desde hai tempo, o persoal do SAF vén alertando de carencias organizativas, falta de previsión e absoluta ausencia de planificación por parte da empresa, mesmo coñecendo con antelación as ausencias por vacacións ou baixas médicas. Non houbo vontade real de garantir un servizo digno e estable. A situación chegou ao límite este verán, pero non foi algo repentino, senón consecuencia dunha xestión desastrosa que veñen denunciando reiteradamente tanto á empresa como ao Concello.
Afirmar que "repentinamente" a metade do cadro de persoal colleu a baixa é unha manipulación intolerable: só dúas baixas foron imprevistas; o resto estaban comunicadas con tempo e non se fixeron as coberturas necesarias. É irresponsable e profundamente inxusto poñer en dúbida a lexitimidade desas baixas médicas e, peor aínda, usar iso como argumento para criminalizar ás traballadoras.
Por se fose pouco, o Concello asegura que o servizo está restablecido, cando a realidade é ben distinta: seguen a haber persoas usuarias sen atención, traballadoras sen planificación e unha improvisación constante que compromete tanto a calidade do servizo como a saúde das profesionais.
Por outra banda, rexeitan a afirmación de que o servizo está sobredimensionado en canto á coordinación. Segundo o prego municipal, debe haber un/unha coordinador/a por cada 50 persoas usuarias. Actualmente, hai máis de 100 persoas atendidas, polo tanto, o número de coordinadoras está totalmente xustificado.
Así mesmo, a día de hoxe, non teñen constancia do Protocolo de Prevención de Riscos Laborais (PRL) ao que se comprometeu a empresa Osventos nin da súa aplicación efectiva.
A ausencia deste protocolo é gravísima, pois impide adoptar medidas preventivas fronte aos riscos ergonómicos, físicos e psicosociais que afectan diariamente ás traballadoras do SAF. A súa posta en marcha podería ter evitado parte do absentismo actual, protexendo a saúde das profesionais e garantindo unha mellor organización do servizo. O incumprimento desta obriga por parte da empresa contribúe directamente ao deterioro do servizo e pon de manifesto unha vez máis a falta de compromiso real coa calidade e a
seguridade no desempeño do noso traballo.
Por todo isto, esixen:
"O cesamento inmediato desta campaña de desprestixio institucional contra o persoal e as súas representantes.
A posta en marcha urxente dun plan de reorganización do servizo con participación das traballadoras.
A activación real e verificable dun Protocolo de PRL que garanta a saúde laboral das profesionais.
Respecto institucional ao traballo que realizamos cada día e á nosa lexítima representación sindical.
Respecto ás traballadoras, á coordinación e ao labor sindical. Non imos tolerar que se manipule a realidade nin que se busque un chivo expiatorio para tapar unha responsabilidade que é exclusivamente empresarial e institucional.
En resumen, esiximos respecto, verdade e solucións reais cunha xestión seria , medios suficientes e fin ao abandono empresarial e institucional.
Este servizo non se sostén coas falsas acusacións nin coas escusas. Sostense por parte das traballadoras, con esforzo, responsabilidade e compromiso.
En defensa da dignidade laboral e da calidade do SAF de Arteixo. "