O persoal de Jevaso iniciará mobilizacións ante a decisión da empresa de non aplicar o acordo de melloras salariais
            A primeira protesta será o 5 de novembro e non se descarta a convocatoria de paros se a empresa teima no incumprimento
      
        Fecha: 01 Nov 2025
O comité de Jevaso anuncia a convocatoria dunha primeira concentración para o vindeiro mércores, 5 de novembro, para exixirlle á empresa que de inmediato actualice as nóminas e abone as cantidades que corresponden polos atrasos xerados dende xaneiro de 2024. A protesta realizarase diante da sede de Jevaso (Avda do Embalse 87B. Polígono de Sabón, Arteixo) de 13 a 14 horas coincidindo co cambio de quenda.
O comité explica que despois da publicación do convenio estatal de industria téxtil e confección, a empresa tiña a obriga de actualizar as nóminas en base ás novas táboas e pagar os atrasos xerados. Pero unha vez revisadas as cantidades satisfeitas ás traballadoras e traballadores, comprobouse que estas eran moi inferiores ás que legalmente correspondían.
Ante esta situación, o comité de empresa mantivo unha reunión coa empresa a fin de esixirlle explicacións sobre as contías abonadas e sobre a actualización da nóminas. No transcurso de dita reunión a empresa informa que decidiu unilateralmente compensar os atrasos de convenio e a actualización dos conceptos salariais coas contías que está pagando por enriba do convenio e que son froito dunha negociación asinada entre as partes en xullo de 2023.
Isto supón un recorte dos dereitos económicos e un incumprimento flagrante do acordo asinado coa representación social, que nin o comité nin o persoal está disposto a tolerar, menos aínda cando Jevaso obtivo mais de catro millóns de euros de beneficios.
Complementos non absorbíbeis
O acordo asinado en xullo do 2023 recolle de xeito expreso a vontade das partes de que os complementos pactado non serán absorbíbeis por incrementos salariais de convenio e mesmo se recolle de forma expresa que os complementos pactados se revisarán anualmente de conformidade co incremento pactado e publicado sobre as táboas salariais de aplicación en cada momento no convenio colectivo da industria téxtil e confección.
Para o comité non hai razón obxectiva nin escusa posíbel para que a empresa non cumpra co pactado coa parte social en 2023, polo que non poden mais que cualificar esta actuación máis que de tomadura de pelo sen precedentes e intolerábel. Por iso, ademais da concentración do día 5 , durante ese día e o dia seguinte, celebraranse asembleas co persoal para avaliar a proposta de convocatoria de paros parciais que darían comezo xa na semana do Black Friday.
Jevaso é unha empresa de enormes dimensións que presta servizos auxiliares á industria téxtil de pasado de ferro, confección e loxística e que só no centro de traballo de Arteixo conta con máis de 700 persoas contratadas directas e sobre 200 de ETT.