O persoal da seguridade privada nos centros sanitarios esixe que se adopten medidas inmediatas
As agresións son consecuencia da falta de decisións e de avances efectivos por parte da administración sanitaria
Fecha: 07 Xan 2026
UGT esixe á Consellería de Sanidade e ao SERGAS que adopten medidas inmediatas, reais e efectivas para o persoal de seguridade das instalacións sanitarias públicas galegas.
Para UGT, as agresións, como a que se produciu o pasado mes de decembro en Oza, na Coruña, son a consecuencia directa da
falta de decisións e de avances efectivos por parte da administración sanitaria, a pesar de que a situación fora advertida previamente.
UGT lembra que existiron reunións previas coa Consellería de Sanidade co obxectivo expreso de tentar activar un proceso de negociación sobre a seguridade nos centros sanitarios e as condicións nas que se presta o servizo de vixiancia na rede SERGAS.
A pesar deses encontros, devandito proceso quedou en paréntese, sen calendario, sen concreción e sen medidas aplicadas. Ante
esta situación de bloqueo, e coa vontade expresa de reactivar as negociacións, UGT e USO rexistraron formalmente en outubro de
2025 varios escritos ante a propia Consellería de Sanidade, trasladando novamente as propostas xa expostas e solicitando retomar o diálogo de maneira efectiva.
Neses escritos, reclamaban, entre outras cuestións, a revisión e actualización dos protocolos de actuación ante pacientes agresivos; a dotación de medios de autoprotección adecuados para os e as vixiantes de seguridade; unha mellor coordinación entre seguridade privada e persoal sanitario; criterios homoxéneos en toda a rede SERGAS, evitando diferenzas entre centros; e a apertura dun marco de negociación sobre condicións laborais e retributivas, xunto a outras melloras substanciais na organización
do servizo.
A día de hoxe, non se produciron avances reais, salvo a posibilidade de estudar unha fórmula de protección xurídica para o persoal, unha cuestión que segue pendente de clarificar, sen concreción, sen calendario e sen garantías de aplicación.
Mentres tanto, non se adoptaron medidas efectivas en materia de medios, protocolos, reforzo de cadros de persoal nin melloras substanciais, manténdose a mesma situa ción de risco.
UGT insiste en que non se pode falar de seguridade sen abordar as condicións laborais, porque ambas cuestións están directamente relacionadas.
UGT rexeita que a Consellería de Sanidade tente derivar o problema exclusivamente á empresa adxudicataria do servizo. É a Administración sanitaria quen define os protocolos, limita os medios e establece o marco de actuación, amparándose en conceptos como a “contención cero” sen ofrecer alternativas reais, seguras e eficaces para protexer a traballadores e pacientes.
Ante esta situación, abriuse un calendario de mobilizacións que arrancou o día 22 no CHUAC, e continuou este 7 de xaneiro fronte ao Sergas. Xa o día 21 de xaneiro as mobilizacións trasladanarase ao CHUS e o 28 de xaneiro fronte á Consellería en Santiago.