O Comité de Empresa de FerroGlobe rexeita o ERTE
Ferroglobe (Arteixo) é a única produtora de silicio metal en España
Fecha: 17 Xul 2026
O Comité de empresa de Ferroglobe (Arteixo), do que UGT forma parte, rexeita as condicións do ERTE presentado pola dirección da empresa esta mesma semana.
Dende UGT FICA faise fincapé en que a planta de Arteixo é un piar histórico no tecido industrial coruñés e a única instalación en todo o territorio nacional dedicada á produción de silicio metal. Conta cun cadro de persoal de máis de 113 traballadores directos
e outros 200 indirectos.
Dende o Comité denúnciase que o axuste proposto é consecuencia directa da pasividade institucional, sobre todo, a nivel europeo, que os condena a un escenario de total incertidume.
Así, denúnciase a lentitude de Europa para implementar medidas arancelarias e de protección reais, fronte á entrada masiva de silicio producido en China a baixo coste. Trátase dunha situación de competencia desleal que afunde os prezos, xa que China está a producir cunha normativa laboral e medioambiental que non sería legal na UE.
UGT FICA insiste en que non aceptará que a inacción política sexa utilizada como excusa para precarizar as condicións laborais ou ameazar a continuidade da planta.
O Sindicato esixe a Ferroglobe un plan de viabilidade claro e insta á Xunta e ao Goberno central a que presionen a Bruxelas para activar mecanismos de defensa comercial.
O Comité lamenta que a empresa non teña realizado unha xestión máis eficaz para conseguir prezos ou acordos enerxéticos que permitan manter a competitividade da planta e tamén se critica a falta de proactividade da dirección á hora de buscar e asegurar
mercados para colocar a produción.
Hai que lembar que a fábrica de Sabón é actualmente a única que en España produce silicio metal, un material de altísimo valor estratéxico, indispensable para a transición enerxética, a industria tecnolóxica e a automoción.
Ante esta conxuntura, o Comité está a analizar a documentación e vai definir un calendario de mobilizacións en defensa dos postos de traballo e da viabilidade da planta de Arteixo.