Nova xornada de folga na sanidade privada da provincia da coruña por un Convenio digno

Amplo seguimento na segunda xornada de folga convocada, para este xoves, día 14, na sanidade privada da provincia da Coruña. Lembrar que UGT, xunto con CCOO e CIG, convocaron dúas xornadas de folga neste sector os días 30 de novembro e 14 de decembro.
Dende UGT Servizos Públicos denúnciase o bloqueo do convenio por parte da patronal, o que está a afectar a máis de 4.000 persoas na provincia da Coruña. Pese a que o sector xa conta cun convenio á baixa, a patronal aínda pretende recortar máis, presentando unha oferta económica ridícula e recortar dereitos como as contías dos trienios ou o cobro do 100 por cento no caso de baixas.
Os sindicatos non van renunciar a estes dereitos e reclaman outros como cobrar polo traballo os domingos.
O último movemento da patronal foi suspender as negociacións alegando un posible incremento do SMI ou unha posible modificación lexislativa da xornada máxima legal pero os traballadores e traballadoras do sector consideran que son excusas e demandan seguir negociando unhas condicións laborais dignas e poñer fin ao recorte de dereitos.