Non se pode permitir que a clase traballadora se empobreza

Hoxe saímos de novo as rúas da nosa cidade para demandar subas salarias que garantan o mantemento do poder de compra ante a subida de prezos desbocada que estamos a vivir.

Demandamos ás patronais que se senten a desbloquear ás negociacións dos convenios bloqueados, é imprescindible acadar un acordo xeral de salarios, porque España é o segundo país pola cola no relativo a incrementos salariais.

As persoas traballadoras non poden seguir perdendo poder de compra cunha inflación desbocada que está a poñer a moitas familias en serias dificultades. Máis da metade dos fogares está a ter dificultades para subsistir e o 10% non pode sequera afrontar o custo dos produtos básicos. A inflación galopante está a privar a familias e comunidades de calquera posibilidade de ter unha vida decente e un futuro digno.

O salario real está estancado dende 2008 e o salario pactado por convenio só subiu un 2,8% cunha inflación na contorna do 10% á par que grandes empresas incrementan os seus beneficios.

 

Na negociación dun novo Acordo para o Emprego e a Negociación Colectiva, UGT e CCOO vanse manter firmes na súa demanda de incluír cláusulas de revisión salarial para que os traballadores e traballadoras non vexan diminuído o seu poder de compra, o que reduciría o consumo interno e castigaría tamén á economía en xeral.

 

Tralo verán, como a patronal segue sen desbloquear as mesas de negociacións e non aporta ningunha resposta, obrigounos a saír de novo ás rúas, xa que subir os salarios, así como controlar os prezos, hoxe debe ser unha prioridade e unha necesidade económica e social de primeira orde.

Que os salarios suban para garantir o mantemento do poder de compra dos traballadores e traballadoras é unha cuestión de xustiza social que, ademais, contribuirá a xerar consumo e emprego. Non se pode permitir que a clase traballadora se empobreza nunha conxuntura de crise e cunha inflación moi elevada pero que, en ningún momento, ten a súa orixe nos salarios.


É urxente que as consecuencias da inflación sexan tidas en conta en todas as negociacións, de maneira que se distribúan as cargas e aumenten os salarios. Esiximos ás organizacións empresariais responsabilidade, que non bloqueen os procesos de diálogo social nin de negociación colectiva e que entendan que é urxente que se produzan subidas salariais xustas e suficientes. Os sindicatos de clase maioritarios pedimos ao Goberno medidas que freen o aumento dos prezos e que aposten por un impulso forte do Salario Mínimo Interprofesional (SMI). En base a esas premisas mobilizámonos, xunto ao resto de organizacións irmás da Confederación Sindical Internacional (CSI), para esixir “Xustiza salarial” para os e as traballadoras do mundo.

Manifesto completo.