A fortaleza do emprego e a mellora da súa calidade persisten

Aínda que o paro aumenta no mes de agosto, como consecuencia da tempada estival, a fortaleza do emprego e a mellora da súa calidade persisten, froito da reforma laboral pactada no ámbito do diálogo social. Con todo, é preciso seguir mantendo o escudo social e as medidas de apoio, garantir o poder adquisitivo dos traballadores e traballadoras con cláusulas de revisión salarial nos convenios e subir o SMI ata que alcance os 1.100 euros no 2023.

 

Os datos de paro rexistrado publicados polo Servizo Público de Emprego (SEPE) e de afiliación pola Seguridade Social para o mes de agosto mostran unha volta ao dinamismo no mercado laboral tras o lixeiro parón de xullo. Eliminando os efectos de estacionalidade e calendario, apréciase un aumento de afiliados respecto ao mes anterior, aínda que, en media mensual, diminúen, como adoita suceder nos meses de agosto. Tamén os parados rexistrados aumentan, como consecuencia do final da tempada de verán, que pon fin a moitos contratos realizados para cubrir a actividade destas datas.

Son datos que, en tendencia, seguen mostrando a fortaleza do emprego, pero tamén a necesidade de manter o escudo social e as medidas de apoio fronte aos efectos da guerra en Ucraína, a elevada inflación ou a subida de tipos de interese. Non hai motivos para a alarma, pero si para a preocupación e a prevención.

O que si poñen de manifesto os datos de emprego, unha vez máis, é que a reforma laboral está a incidir notablemente na calidade do emprego. O contrato indefinido no estado representa un 39% do total de contratos ( na nosa comunidade un 29%), mellorando as condicións laborais do emprego creado.

 

Os salarios deben crecer máis

O principal problema que debe afrontar agora a nosa economía é a diminución da capacidade adquisitiva que están a padecer as familias porque, aínda que se creou emprego e este foi esencialmente de carácter indefinido, a realidade é que os salarios reais están a diminuír a un ritmo vertixinoso.

É imprescindible que se amplíen as medidas adoptadas ata o de agora para protexer a creación de emprego e a calidade de vida das persoas traballadoras, construíndo un verdadeiro pacto de rendas á altura da conxuntura. A negativa da CEOE a chegar a un acordo nesta materia é un despropósito, sobre todo cando a economía actualmente require de certeza. O esforzo para superar os inconvenientes ocasionados polo conflito bélico en Ucraína debe ser colectivo, e as empresas deben axustar as súas marxes, principais responsables do aumento da inflación.

 

Datos de interese:

Desemprego:

Na nosa provincia hai un total de 56.569 persoas en situación de desemprego. No Estado esta cifra é de 2.924.240 persoas, o nivel máis baixo nun mes de agosto dende 2008. .

O paro aumenta no mes nun 1,44% na Coruña dun xeito similar que no Estado, que foi nun 1,4%. En relación a hai un ano, o paro baixa o 6,96%, unha contracción menos acusada que no resto do Estado, onde a baixada é do 12,3%.

Do total de persoas en desemprego, 2.114 son menores de 25 anos.

Por sexos, as mulleres seguen a representar o 59.36% do total do desemprego rexistrado na nosa provincia, 33.583 mulleres, fronte a 22.986 homes.

Por sectores, no mes de agosto o desemprego aumenta na industria, construción e servizos, baixando na agricultura.

 

Contratación:

O número total de contratos rexistrados durante o mes de agosto foi de 1.283.791, o que supón unha baixada  123.772 (-8,79%) sobre o mesmo mes do ano 2021.

A contratación acumulada nos primeiros oito meses do 2022 alcalza a cifra de 12.511.212, o que supón 646.379 contratos máis (5,45%) que no mesmo periodo do ano anterior. No mes de agosto rexistráronse 506.731 contratos de traballo de carácter indefinido, que representan o 39,47% de tódolos contratos.

En materia de contratación indefinida na nosa provincia a porcentaxe chega ó 29,68%. No mes de agosto realizáronse 29.785 contratos, dos cales 8.843 foron indenidos. En termos acumulados do 2022, firmáronse 244.751 contratos, dos cales 76.238 son indefinidos.

Dos contratos realizados na nosa provincia no mes de agosto: 24.329 son do sector servicios, 1.459 no sector da construción, 3.387 na industria e 610 no sector da agricultura

► Información do Ministerio de Traballo e Economía Social