Mobilizacións ante o bloqueo do Convenio de Transporte de mercadorías por estrada da Coruña
Dende FeSMC UGT reclaman incrementos salariais que permitan recuperar o poder adquisitivo perdido nos últimos anos, así como avances na xornada e na remuneración dos diferentes tempos de traballo no sector.
Fecha: 16 Out 2026
Novas mobilizacións ante o bloqueo da negociación do convenio colectivo de transporte de mercadorías por estrada da provincia da Coruña, despois de que a mesa negociadora quedara rota pola falta de avances coa patronal. Dende FeSMC UGT reclaman incrementos salariais que permitan recuperar o poder adquisitivo perdido nos últimos anos, así como avances na xornada e na remuneración dos diferentes tempos de traballo no sector.
Xa o día 9 tivo lugar a primeira mobilización en Santiago, o día 15 na Coruña e o 22 está prevista outra en Narón.
Hai que lembrar que o sector arrastra desde hai anos unha importante perda de poder adquisitivo. Nos últimos trece anos a diferenza entre a evolución dos salarios e o IPC sitúase arredor dun 15 %.
No ano 2025 as organizacións sindicais conseguiron un incremento salarial do 4 % e que as pagas extraordinarias pasaran de 25 a 30 días. A intención era pechar daquela unha negociación rápida e retomar en 2026 a negociación dun convenio plurianual que permitise abordar tanto os salarios como a xornada e o resto das condicións laborais. Porén, as reunións coa patronal non permitiron avanzar.
Entre as principais discrepancias figura a proposta económica da patronal, que os sindicatos consideran insuficiente ante a evolución dos prezos. As organizacións sindicais reclaman unha actualización salarial que permita recuperar poder adquisitivo e rexeitan unha proposta do 3 % fronte a un IPC que xa está no 4,9 %. Tamén reclaman que as melloras teñan efectos retroactivos desde o 1 de xaneiro de 2026.
Desde os tres sindicatos sinalaron que a negociación debe servir tamén para adaptar o convenio á realidade do sector, pois existe unha importante diferenza entre os salarios establecidos no convenio e os que, na práctica, deben ofrecer algunhas empresas para
conseguir persoal. Isto pode provocar que parte das cantidades percibidas non estean correctamente reflectidas nas cotizacións. Por iso, defenden que os salarios reais se incorporen ao convenio e sexan cotizados.
A xornada é outra das cuestións centrais da negociación. Os sindicatos denuncian que o sector está sometido a unhas condicións específicas derivadas do réxime de xornadas especiais do transporte, polo que determinados tempos nos que as persoas traballadoras deben permanecer á disposición da empresa non computan como xornada efectiva. Por iso, entre as reivindicacións figura a creación dun complemento de presenza que remunere estes tempos.
As organizacións sindicais reclaman tamén que se remunere o traballo en horarios especialmente gravosos. En particular, denuncian que a patronal non acepta o aboamento da nocturnidade nin do traballo en domingos, malia que se trata de situacións habituais no sector.