A insistencia sindical consegue elevar o SMI ata os 1.080 euros

A Unión Xeral de Traballadoras e Traballadores acorda, xunto co Goberno e CCOO, incrementar o Salario Mínimo Interprofesional (SMI) ata os 1.080 euros mensuais para 2023 (un 8% máis), un incremento imprescindible para xerar máis emprego, consumo e paliar a perda do poder adquisitivo da clase traballadora no último ano.

Un SMI que aumenta ata a parte máis alta do rango suxerido pola Comisión de Expertos do Goberno, que pasou do 4,6% ao 8,2%, e que se adopta sen o consenso da CEOE, algo que é triste para o sindicato, pouco razoable e que supón un mal precedente dada a importancia que o Diálogo Social tripartito tivo nos últimos anos para mellorar a vida das persoas.

Para a UGT era unha necesidade urxente de aumentar o salario mínimo, tanto para os traballadores e traballadoras en xeral, que ven diminuír cada mes o seu poder adquisitivo co aumento dos niveis de prezos, como para os colectivos máis vulnerables do noso país, como os mozos e as mozas ou, o millón e medio de mulleres, que verán reducidas as diferenzas salariais con respecto aos homes no mercado laboral.

Deste xeito, o incremento do SMI, que mellorará a vida do 14,5% do conxunto das persoas asalariadas, foi fundamental non só en termos económicos, senón tamén en suficiencia e garantía social. En anos anteriores quedou demostrado que non só non destrúe emprego, senón que crea emprego baseado nunha mellor distribución da riqueza e nunha maior capacidade de gasto das clases máis populares.

Ademais, con este incremento, o noso país achégase aos incrementos doutros países veciños, como Alemaña, Bélxica ou Francia, seguindo así o camiño do cumprimento da Carta Social Europea ratificada polo noso país. Un camiño que o sindicato considera imprescindible manter nos próximos anos para achegarse a Europa.

Para UGT é o momento de subir os salarios e non deixar atrás a ninguén. O aumento dos prezos durante o último ano xerou unha riqueza en empresas que non foi trasladada ao peto dos traballadores. Con este incremento, as persoas empregadas deste país poderán manter a súa calidade de vida e seguir proxectando un Estado do Benestar digno acorde á realidade do noso país e do medio europeo.