UGT denuncia dous despedimentos no servizo de cociña do Quirón Salud na Coruña

Fecha: 23 Set 2025

Imaxe da concentración realizada en xullo diante do Quirón Salud na Coruña

A empresa Servicios persona y Salud (SPS), que pertence ao Grupo Quirónsalud, e que xestiona entre outros o servizo de cociña do Hospital Quirón en A Coruña, ven de despedir recentemente a dúas traballadoras mediante despido obxectivo individual baseado en causas organizativas e productivas, coa indemnización mínima taxada en vinte días de salario por ano de servizo, cun máximo de doce mensualidades.

Isto se produce tra-la folga e mobilizacións que se levaron a cabo ao longo do pasado mes de xullo, motivados polos continuos cambios de horario que se estaban a producir e a non cobertura das baixas e vacacións, coa conseguinte sobrecarga de traballo para o xa de por sí reducido cadro de persoal. E veñen a confirmar os temores, dos que xa entón alertaba o sindicato, ao respecto de que a empresa, co galo da aposta polos menús conxelados, ía reducir postos de traballo despedindo, do xeito máis barato posible, a traballadoras cunha
antigüidade elevada, como así ven de facer agora.

Compre salientar que este é un modo habitual de proceder nesta empresa e, por extensión en todo o grupo Quirónsalud, como así fixo recentemente noutros hospitais e servizos ao longo do Estado, como no contact center de Madrid; onde foron extinguidos varios contratos de trabalo, e no mesmo servizo de cociña do hospital de Pontevedra, onde tamén foron despedidas, do mesmo xeito que na Coruña, outras dúas traballadoras xunto a outras nove persoas traballadoras do propio hospital.

Dende UGT-SP seguiremos loitando polo mantemento dos postos de traballo e o respeto aos dereitos laboráis no grupo Quirónsalud, tanto ante a xurisdicción e autoridade laboral competente como na rúa mediante a mobilización e a acción sindical.