Tres novas xornadas de folga no Metal da Coruña á espera de retomar as negociacións coa patronal

Fecha: 11 Xuñ 2026

Imaxe da manifestación do Metal pasando pola Avenida de Alfonso Molina

Os días 9, 10 e 11 os traballadores e traballadoras do metal da provincia da Coruña secundaron de xeito masivo as tres novas
xornadas de folga en demanda dun convenio que mellore as condicións sociais e laborais.

Lembrar que as demandas dos traballadores e traballadoras pasan por un incremento salarial digno, reducir a xornada, regular os pluses, combater a precarización a través das ETT e dos contratos fixos descontinuos, mellorar os complementos das baixas médicas ou limitar a subcontratación en cadea, entre outras.

Tras varias xornadas de folga, a presión sindical levou á patronal a sentarse a negociar o 28 de maio. Despois de varias horas de reunión, a parte empresarial trasladou diversas propostas ás que na reunión do martes, día 2 de xuño, os sindicatos déronlle a súa resposta. 

Fíxose un receso para que a patronal analizase a información trasladada pero argumentou que precisaba máis tempo e soliticou
cambiar a reunión prevista para o xoves, día 4, para o luns. Isto foi rexeitado pola parte sindical e se lle pediu á patronal manter a xuntanza do xoves pero a patronal negouse e recorre de novo á estratexia da dilación.

Así, mantivéronse as xornadas de folga desta semana e, ante a magnitude das mobilizacións e o seguimento masivo da folga, a patronal anunciou unha xuntanza para este venres.