A Sede de UGT A Coruña xa é Punto Violeta
Fecha: 24 Out 2025
As sedes de UGT-Vigo e UGT-Coruña veñen de facer pública a súa presentación como puntos violeta, é dicir, lugares seguros para prestar axuda a posibles vítimas de violencia machista.
No pasado mes de setembro o secretario xeral de UGT-Galicia, Cristóbal Medeiros, e a secretaria de Igualdade do Sindicato, Trinidad Campos, reuníronse co delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, para acordar un protocolo de colaboración co fin de que as sedes de UGT en Galicia pasasen a ser puntos violeta.
Trátase de que as sedes do Sindicato sexan lugares seguros para a muller. Lugares nos que se preste apoio a posibles vítimas de violencia de xénero e nos que se atendan as demandas de información sobre como actuar e acceder aos recursos públicos dispoñibles.
Durante o acto de presentación subliñouse a importancia desta iniciativa para impulsar a loita contra a violencia contra as mulleres e que poñer a disposición deste fin as sedes do Sindicato é crear unha importante rede xeográfica de apoio.
O Punto Violeta é un instrumento promovido polo Ministerio de Igualdade para implicar ao conxunto da sociedade na loita contra a violencia machista e estender a información necesaria para saber como actuar ante un caso de violencia contra as mulleres. Forma parte do catálogo de medidas urxentes do Plan de Mellora e Modernización impulsado por distintos ministerios do Goberno de España e supón un cambio de enfoque nas políticas públicas de atención ás vítimas, situando a violencia machista como un problema estrutural que require da implicación do conxunto da sociedade para acabar con ela.
A violencia machista segue atravesando as vidas das mulleres e supón unha gravísima vulneración dos dereitos humanos. Trátase dunha realidade terrible que é preciso visibilizar, denunciar, previr e erradicar e, sempre, escoitar, crer e protexer ás mulleres afectadas e, dende UGT, con esta iniciativa, búscase contribuír a este fin.
Pola súa banda, dende a Subdelegación do Goberno da Coruña agradeceron a contribución do sindicato para chegar “a todos os recunchos do territorio” e reafirmaron a disposición do Goberno de seguir traballando con todos os actores sociais galegos para reforzar a rede de apoio ás mulleres vítimas de violencia machista.