O TSXG da a razoń a UGT e avala a legalidade do acordo de eficacia limitada no transporte de viaxeiros da Coruña
Fecha: 10 Xuñ 2026
FeSMC UGT Galicia celebra a sentenza emitida pola Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), que desestima na súa totalidade a demanda presentada pola CIG contra UGT e as organizacións empresariais do sector, pola suposta vulneración da liberdade sindical durante o proceso de negociación do convenio provincial de transporte de viaxeiros por estrada da Coruña.
A resolución xudicial conclúe que non existiu vulneración algunha da liberdade sindical nin actuación contraria á boa fe negociadora por parte de UGT. O Tribunal considera plenamente lexítima a decisión adoptada pola nosa organización de subscribir
un acordo de eficacia limitada tras máis de catro anos de negociacións, numerosas reunións, mobilizacións, folgas e procesos de mediación sen lograr un convenio colectivo estatutario.
A sentenza destaca que a sinatura do acordo extraestatutario non impediu nin bloqueou a continuidade da negociación colectiva, nin supuxo a exclusión de ningunha organización sindical da mesa negociadora. Pola contra, recoñece que UGT actuou dentro do exercicio lexítimo da súa autonomía sindical e da súa responsabilidade negociadora para ofrecer unha solución real ás persoas traballadoras do sector.
O TSXG tamén lembra que a mera existencia dun acordo de eficacia limitada non constitúe por si mesma unha vulneración da liberdade sindical, especialmente cando non existe negociación paralela oculta, actos de boicot ou sabotaxe da negociación colectiva nin connivencia coa parte empresarial para impedir un acordo estatutario.
Ademais, a Sala subliña que UGT informou publicamente e de forma transparente das súas intencións negociadoras durante o proceso de mediación, mantendo sempre aberta a posibilidade de continuar negociando un convenio colectivo de eficacia xeral.
Con esta resolución, o Tribunal rexeita todas as pretensións formuladas pola CIG, incluída a solicitude de anulación do acordo de eficacia limitada e a reclamación dunha indemnización por danos morais.
Desde FeSMC UGT Galicia reafirmamos o noso compromiso coa defensa dos dereitos das persoas traballadoras mediante a negociación colectiva responsable, o diálogo social e a procura de acordos que permitan mellorar as condicións laborais do sector, especialmente en contextos de bloqueo prolongado como o vivido no transporte de viaxeiros da provincia da Coruña.
Esta sentenza supón un importante respaldo xudicial á actuación de UGT e á lexitimidade das ferramentas de negociación sindical destinadas a ofrecer solucións efectivas ás persoas traballadoras.