O sector do transporte de viaxeiros por estrada da Coruña maniféstase por un convenio digno

Fecha: 10 Nov 2025

Imaxe durante a manifestación preto do porto da Coruña. Lema da pancarta: "Respeto e saúde laboral para o conductor profesional".

O sector do transporte de viaxeiros por estrada da provincia da Coruña manifestouse na cidade herculina por un convenio digno.

Esta é a primeira parte dun proceso mobilizador que continuará con varias xornadas de folga no mes de decembro, aínda pendentes de fixar.

A paciencia dos traballadores e traballadoras do sector esgotouse. A negociación leva bloqueada dende que caducou o anterior convenio no 2020 e dende entón a patronal mantén unha postura totalmente inmobilista, con tomas de contacto que en nada fructificaron. A única proposta que hai enriba da mesa por parte da patronal é unha suba do 1,2% para o 2025. Unha proposta insuficiente, non só polo díxito, senón porque as demandas van moito máis aló do meramente salarial, xa que o convenio vixente é totalmente obsoleto.

A parte empresarial négase a abordar cuestións como a redución de xornada, os avances en materia de conciliación ou calquera outro tipo de mellora laboral e social. 

Como apuntou Iván Cancela (UGT), a conciliación é bastante difícil con xornadas de 14 e 15 horas e quendas de nove horas sen os descansos estipulados.

Isto afoga ao sector e bota para atrás a novos posibles condutores, necesarios para acometer o relevo xeracional.

A manifestación do luns foi un primeiro toque de atención dirixido á patronal pero tamén á Xunta porque considérase que o Goberno galego debe mediar no conflito, xa que se está a falar dunha cuestión de mobilidade.