UGT insta a convocar a mesa de Diálogo Social para desenvolver Plans de Diversidade LGTBI nas empresas

A UGT advirte da alarmante situación que viven as persoas trans no ámbito laboral

O Día Internacional da Visibilidade Trans, que se celebra o 31 de marzo, é unha data na que se reivindica a vida das persoas trans e a súa plena inclusión na sociedade, e se conciencia sobre as múltiples discriminacións que aínda hoxe supón ser trans, e que están asociados a outras discriminacións acumuladas no caso de mulleres trans e persoas trans de cor ou migrantes, entre outras situacións. 

Unha das maiores ameazas que pende sobre a vida das persoas trans e que dificulta a súa plena inclusión na sociedade é a discriminación no lugar de traballo e no acceso ao emprego. A situación é alarmante: segundo os datos recollidos pola UGT sobre a situación das persoas LGTBI no emprego, o 40% das persoas trans foron rexeitadas nas entrevistas de traballo; un 20% sufriu agresións sexuais no ámbito laboral; o 90% foron vítimas dalgún tipo de violencia verbal e o 40% foron vítimas de violencia física. Así mesmo, sabemos que as persoas trans teñen unha taxa de paro do 40%, que se eleva ao 80% no caso das mulleres trans maiores de 45 anos.

É urxente poñer en marcha políticas públicas que palien esta situación e que faciliten a inserción laboral das persoas e a non discriminación no ámbito laboral. Grazas á emenda á Lei Trans e LGTBI impulsada pola UGT, o artigo 15 da lei incorpora a obrigatoriedade dos Plans de Diversidade LGTBI nas empresas de máis de 50 persoas traballadoras. Estes plans deben incluír medidas específicas para erradicar a discriminación das persoas trans, como plans de apoio ás transicións nas empresas. Así mesmo, esiximos que a Lei de Emprego implante medidas específicas para que as necesidades específicas das persoas trans en situación de vulnerabilidade se inclúan nos itinerarios formativos e nas políticas activas de emprego.

O sindicato insta á Consellería de Emprego a desenvolver as medidas que impulsamos en ambas as leis e a convocar as mesas de diálogo social para o seu desenvolvemento regulamentario. En UGT importan as vidas trans.