É urxente negociar un Plan de Choque contra a sinistralidade laboral

4 persoas traballadoras faleceron en accidentes de traballo no primeiro trimestre do ano

Fecha: 14 Mai 2024

Tres persoas subidas nun andamio

Os datos de comezos de ano indican un incremento dos accidentes con baixa que se produciron en xornada laboral (+8%) e dos accidentes de traballo en itinere (+9%). Sen embargo, os accidentes mortais descenderon en termos xerais (-5%) ata os 4.

Son ben coñecidas as causas dos accidentes laborais que se producen durante a xornada laboral: os sobreesforzos físicos e os golpes seguen a ser a principal orixe dos accidentes laborais con baixa, mentres que os infartos, os accidentes cerebrovasculares e os accidentes de tráfico seguen a provocar o maior número de mortes das persoas traballadoras.

Isto demostra que as empresas seguen incumprindo a normativa en materia de prevención de riscos laborais ou, se o cumpren, só é de xeito simbólico, co obxectivo de evitar multas. De feito, a propia Inspección de Traballo sinala no seu Informe Anual 2022 que “se segue a constatar en moitos casos o cumprimento formal da normativa de prevención de riscos laborais, mediante o recurso ao mero apoio documental das supostas actuacións preventivas realizadas, carentes de real integración da prevención na empresa e a todos os niveis, que a longo prazo aumenta a sinistralidade e reduce a produtividade na empresa”.

Modernizar a Lei de Prevención

Cómpre acabar coa lacra da sinistralidade laboral de xeito urxente, por iso UGT insiste en que a Mesa de Diálogo Social, actualmente aberta, negocie un Plan de Choque, ademais dos cambios notmativos para adaptar a lexislación en materia preventiva ás novas realidades do mundo laboral, así como mellorar a xestión preventiva e rematar coa comercialización dos servizos de prevención.

Así mesmo, é imprescindible regular de forma diferenciada a xestión dos riscos psicosociais de orixe laboral para evitar danos na saúde mental dos traballadores e traballadoras. Non hai que esquecer que os infartos e os ictus son a principal causa de morte en accidentes laborais. Estas patoloxías poderían estar relacionadas coa exposición a riscos psicosociais.

É necesario un incremento dos medios humanos e materiais para a Inspección de Traballo e, mentres non se leve a cabo, propón que se analicen fórmulas alternativas, como a habilitación das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, como “auxiliares ou colaboradores” da Inspección de Traballo en cumprimento preventivo, cando se constaten situacións constitutivas de infraccións graves ou moi graves.  

Aumentar os recursos destinados á inspección

O sindicato reclama tamén que se destinen máis medios á Fiscalía especializada e a creación de xulgados especializados en seguridade e saúde laboral, do mesmo xeito que fai a Fiscalía no seu último Informe.

Ademais, reclama a creación dunha figura similar á do Delegado Territorial de Prevención de Riscos Laborais a nivel estatal, xa que é unha realidade que os centros de traballo sindicalizados son centros máis seguros. A creación desta figura axudaría a mellorar a PRL nas pemes do noso país que non teñen representación sindical. Paralelamente, propón que se recoñeza o crédito horario aos delegados de prevención.