É urxente frear os accidentes laborais

No primeiro semestre do ano, na nosa provincia morreron 12 persoas por accidentes laborais mortais, e aínda que son 2 menos que no mesmo período do ano anterior non cabe a resignación porque moitas delas poderían haberse evitado.

Segundo os datos estatísticos facilitados polo Ministerio de Traballo e Economía Social, correspondentes ao mes de xuño de 2023, en España producíronse 585.575 accidentes laborais, dos que 306.007 provocaron a baixa laboral do traballador (o que supón un descenso do 1,4%) e notifícanse 279.568 accidentes laborais sen baixa (un 2,5% máis, con respecto ao mesmo período de 2022). Ademais, rexistráronse 337 accidentes mortais, 57 menos con respecto aos datos anticipados do primeiro semestre de 2022, diminuíndo esta cifra nun 14,5%.

Na nosa provincia, rexistráronse 12 accidentes mortais, 2 menos con respecto aos datos anticipados para o primeiro trimestre do 2022, diminuíndo esta cifra nun 16,6%.  Os accidentes laborais que provocaron a baixa laboral da persoa traballadora foron 6.130 (sendo 6.040 leves, 78 graves e 12 mortais). Do total dos accidentes mortais o 91,6% foron durante a xornada laboral. 

Analizando as causas dos accidentes mortais durante a xornada laboral en España, pódese observar que o primeiro deles son infartos e ictus con 126 accidentes, os mesmos que se rexistraron ata xuño de 2022. Séguenlles os falecidos por accidentes de tráfico, con 42 casos. Destacar tamén as 37 mortes por golpes ou caídas do traballador.

Para UGT Coruña e Cee estas cifras seguen a ser alarmantes. Cifras, detrás das que hai persoas. É certo que os accidentes mortais diminuíron, pero aínda así supoñen unha cifra moi elevada para unha sociedade como a nosa. 

Máis recursos, máis prevención e esixir máis responsabilidades por incumprimento da lei

UGT Coruña e Cee reitera a súa proposta de articular de xeito inmediato un Plan de Choque contra os Accidentes Laborais, e insta a que o futuro Goberno se constitúa, abra unha Mesa de Diálogo Social sobre prevención de riscos laborais, onde se negocie o devandito Plan de Choque. Entre as materias que hai que incluír non poden faltar os riscos psicosociais, que están relacionados coa primeira causa de morte por accidente laboral no noso país, que son os infartos e os ictus. É evidente que a saúde mental das persoas traballadoras está deteriorada.

O sindicato reclama a creación dunha figura similar á do Delegado Territorial de Prevención de Riscos Laborais a nivel estatal. Isto, sen dúbida, axudaría a mellorar a Prevención de Riscos Laborais (PRL) nas pequenas e medianas empresas do noso país que non teñen representación sindical. 

Por último, insiste en que hai que dotar de máis medios humanos e materiais á Inspección de Traballo, para controlar o cumprimento da normativa e á Fiscalía de Saúde Laboral, para investigar e depurar responsabilidades. Non podemos permitir que estas mortes queden impunes.