É fundamental aumentar a protección contra o despedimento e facer fronte ao desemprego

A reforma laboral segue xerando emprego estable e de calidade, pero o mercado laboral debe afrontar problemas estruturais

Fecha: 06 Xuñ 2024

Imaxe da cociña dun restaurante

Os datos de paro rexistrado e afiliación á seguridade social do mes de maio amosan unha evolución positiva do mercado de traballo, en consonancia cos resultados obtidos tradicionalmente para este período: o emprego crece e o paro baixa.

Así, o paro rexistrado redúcese en 1.632 persoas con respecto a abril, ata un total de 48.497. No que respecta ao emprego, o número de persoas afiliadas aumenta en 3.642, acadando a marca de 469.386 persoas afiliadas, 10.960 máis que o ano anterior. 

No que respecta á contratación, dun total de 25.384 contratos, 7.984 son indefinidos, o que supón un peso do 31,45%.

O mercado laboral está a vivir un bo momento, cuns niveis de ocupación baseados nunha contratación estable e de calidade. Unha situación que está a permitir que miles de persoas, que antes estaban en situación de desemprego ou contratados en réxime de interinidade e precariedade, teñan un emprego indefinido. Agora cómpre mellorar a protección destas persoas nos seus postos de traballo, incrementando o custo do despedimento para que a indemnización teña realmente un carácter disuasorio para a empresa e unha indemnización para a persoa traballadora, tal e como recolle a Carta Social Europea.

Asemade, non hai que esquecer ás persoas desempregadas que, a pesar da creación de emprego, seguen sen atopar traballo. En termos estatais, 4 de cada 10 levan máis dun ano no paro e 1 de cada 4 levan máis de dous anos buscando traballo. Un problema que evidencia a incapacidade das actuais políticas activas de emprego para mellorar a inserción laboral destas persoas, con Servizos Públicos de Emprego sen medios técnicos e, sobre todo, humanos, suficientes para ofrecer servizos eficaces de intermediación e orientación profesional.

Mellorar as políticas do SEPE e de Emprego Activo

Neste sentido, UGT considera que o recente Real Decreto que regula a Carteira Común de Servizos, que se levou a cabo sen diálogo social, dista moito de dar unha solución satisfactoria ao problema, xa que o seu contido non garante a prestación de maneira efectiva destes servizos por todas as administracións territoriais.  

Como aspecto positivo, hai que destacar o novo acordo alcanzado entre Sindicatos e o Goberno para a mellora da protección das axudas por desemprego, materializado no RD-Lei 2/2024 para a simplificación e mellora do nivel de axudas de protección por desemprego Esta reforma ten como obxectivo acadar o pleno emprego, garantindo que as persoas maiores de 52 anos, que son as máis afectadas polo desemprego de longa duración, reciban unha orientación laboral e un itinerario formativo que responda ás súas necesidades. Ademais, simplifícase e amplíase o acceso e as contías das subvencións e prestacións, unha cuestión moi relevante en materia de xustiza social, xa que se pretende mellorar a difícil situación económica que atravesan as persoas desempregadas, onde 4 de cada 10 están en risco de pobreza, unha circunstancia que aínda se agrava a medida que a escaseaa de recursos derivada da súa situación de desemprego continúa no tempo.

Datos principais na Provincia da Coruña

- En maio rexistráronse un total de 48.497 persoas en situación de desemprego, 1.632 persoas menos que o mes anterior. En termos anuais, o paro baixou en 5.622 persoas (-10,39%).

- Neste mes hai 826 homes e 806 mulleres menos rexistradas como paradas con respecto a abril. En termos anuais, o paro feminino baixou en 3.456mulleres e o masculino en 2.166 homes. As mulleres representan o 58,29% das persoas desempregadas.

- O número de mozos e mozas inscritos como desempregados ascendeu a 1.763 en maio, o que supón unha diminución de 152 persoas menores de 25 anos desempregadas menos que en maio. En termos interanuais, o desemprego entre os menores de 25 anos diminuiu en 277 menores de 25 anos desempregados menos.

- Respecto das persoas traballadoras estranxeiras na Coruña, o número de parados rexistrados diminue en maio en 97 persoas; chegando a un total de 3.817 persoas estranxeiras desempregadas. En termos anuais obsérvase unha diminución de 30 persoas estranxeiras desempregadas menos.

- A información por sectores amosa unha diminución de 1.632 persoas paradas. Se produce unha diminución en todos os sectores: 66 persoas no colectivo sen emprego anterior, 46 persoas no agro, 177 na industria, 146 persoas no sector da construción e de 1.197 no sector servizos.

- O número de persoas afiliadas á Seguridade Social aumenta en 3.642 persoas en maio, ata alcanzar unha media de 469.386 persoas afiliadas.

- O número de contratos totais foi de 25.384, dos cales 7.984 foron de carácter indefinido.

- O peso das persoas traballadoras fixas de maio sobre o total dos contratos sitúase neste mes no 31,45%.