A creación de emprego de calidade continúa a pesar do contexto de incerteza

É fundamental abordar os desequilibrios estruturais como a reforma do despedimento, a redución da xornada, o desemprego ou os baixos salarios para continuar na senda do crecemento.

Fecha: 07 Abr 2025

Muller racializada traballando na limpeza dun ximnasio. Viste uniforme de traballo en cores azul marino e amarelo. Leva posto unhas luvas amarelas y unha mascarilla na cara.

Os datos de afiliación á Seguridade Social e de paro rexistrado de marzo para a provincia da Coruña, dan bos resultados en materia de creación de emprego, aínda que este ano aínda non se celebrou a Semana Santa. Así, prodúcese un aumento do número de persoas afiliadas á Seguridade Social e unha baixada do paro, reforzando a tendencia positiva do mercado laboral.

Nesta ocasión, o incremento mensual da afiliación é de 3.658 persoas, co que o total de persoas ocupadas afiliadas á Seguridade Social ascende a 472.063. Se o comparamos con marzo de 2024, hai 9.584 persoas afiliadas máis, un 2,1%, polo que o ritmo de creación de emprego mantense relativamente estable.

O paro rexistrado reduciuse en 844 persoas con respecto ao mes anterior, ata alcanzar un total de 47.058. Ademais, respecto ao mesmo mes do ano anterior, o paro reduciuse en 4.311 persoas.

En canto á contratación, neste terceiro mes asináronse un total de 22.975 contratos, un 8,68% máis que en marzo de 2024. Deles, 7.854 son fixos, o que implica que o 34,19% dos contratos son fixos, mentres que antes da reforma este valor roldaba o 17% dos contratos.

Con todo, os datos presentados amosan a fortaleza do noso mercado de traballo, que segue xerando emprego de calidade a bo ritmo a pesar da incerteza que rodea a economía mundial, marcada polas negociacións sobre o fin da guerra en Ucraína e a carreira arancelaria con EEUU, que pode afectar á actividade de determinados sectores produtivos. Independentemente disto, o noso mercado laboral segue presentando algúns desequilibrios estruturais e áreas de mellora para gañar eficiencia e dereitos para a poboación traballadora.

Seguir mellorando a situación do mercado laboral

En UGT consideramos que é o momento de dar un novo impulso á calidade do emprego e á xusta distribución da riqueza que xera a nosa economía. A evolución dos principais indicadores económicos, o aumento sostido da produtividade nas últimas décadas, o cambio estrutural dos sistemas produtivos e, sobre todo, o aumento continuado das marxes empresariais, confirman que España ten agora a oportunidade e a responsabilidade de dar un paso decisivo: reducir a xornada laboral a 37,5 horas semanais sen reducir o salario.

Non estamos a falar só dunha aspiración sindical; falamos dunha necesidade social e de xustiza económica. É fundamental que esta medida sexa adoptada por lei, para que ninguén quede atrás e todas as persoas traballadoras, independentemente do seu sector ou empresa, poidan beneficiarse dunha transformación tan demandada. A redución da xornada contribuirá tamén a unha mellor distribución do tempo e da riqueza, favorecendo a conciliación da vida laboral e familiar, a saúde laboral e a creación de emprego de calidade. Todo isto está en liña co último ditame do Consello Económico e Social Europeo que coñecemos a semana pasada.

Ao mesmo tempo, é o momento de que España cumpra cos seus compromisos internacionais e constitucionais en materia de dereitos laborais. Un ano despois de que o Comité Europeo de Dereitos Sociais (CEDS) acordase con UGT e concluíse que a lexislación española en materia de despedimento vulnera a Carta Social Europea, seguimos esperando a que o Goberno adapte o noso marco normativo ás normas europeas. A Carta, a Constitución española e o propio ditame do Consello de Estado do 8 de xullo de 2021 son claros: as decisións do CEDS son vinculantes e hai que cumprilas.

Por este motivo, urxe reformar a normativa sobre despedimento para que a indemnización recupere a súa función disuasoria e reparadora, tal e como esixe a Carta Social Europea, e que se restablezan os salarios de tramitación, eliminados na reforma laboral de 2012. Esta reforma tamén debe garantir que nin persoas mozas nin mulleres sexan novamente discriminados con menores indemnizacións, consecuencia da precariedade estrutural que sofren no mercado laboral.

Paralelamente, hai que reforzar as políticas activas de emprego, orientándoas de forma personalizada para mellorar a empregabilidade das persoas desempregadas, combatendo especialmente o paro de longa duración e facilitando a integración dos colectivos máis vulnerables.

En definitiva, a senda de crecemento económico que está a vivir o noso país debe traducirse, dunha vez por todas, nun reparto equitativo da riqueza e no reforzo dos dereitos laborais. A redución de xornada e a reforma do despedimento non son só reivindicacións sindicais: son reivindicacións democráticas, sociais e europeas que non poden esperar máis.

Datos principais na Provincia da Coruña

- En marzo rexistráronse un total de 47.058 persoas en situación de desemprego, 844 persoas menos que o mes anterior. En termos anuais, o paro baixou en 4.311 persoas (-8,39%).

- Neste mes hai 426 homes e 418 mulleres menos rexistradas como paradas con respecto a febreiro. En termos anuais, o paro feminino baixou en 2.377 mulleres e o masculino en 1.934 homes. As mulleres representan o 58,3% das persoas desempregadas.

- O número de mozos e mozas inscritos como desempregados ascendeu a 2.008 en marzo, o que supón unha diminución de 13 persoas menores de 25 anos desempregadas menos que en febreiro. En termos interanuais, o desemprego entre os menores de 25 anos diminuiu en 77 menores de 25 anos desempregados menos.

- Respecto das persoas traballadoras estranxeiras na Coruña, o número de paradas rexistrados diminue en marzo en 61 persoas; chegando a un total de 4.3251 persoas estranxeiras desempregadas. En termos anuais obsérvase un aumento de 216 persoas estranxeiras desempregadas máis.

- A información por sectores amosa unha diminución de 844 persoas paradas. Se produce unha diminución de 119 persoas na industria, 23 persoas no agro, 644 persoas no sector servizos e 68 no sector da construción; e pola contra, un aumento de 10 persoas no colectivo sen emprego anterior.

- O número de persoas afiliadas á Seguridade Social aumenta en 3.658 persoas en marzo, ata alcanzar unha media de 472.063 persoas afiliadas.

- O número de contratos totais foi de 22.975, dos cales 7.854 foron de carácter indefinido.

- O peso das persoas traballadoras fixas de marzo sobre o total dos contratos sitúase neste mes no 34,18%.

Datos principais dos Concellos da UGT A Coruña e Cee

- Os datos da evolución do paro amosan, con respecto a o mes anterior, un descenso de 70 persoas nos Concellos da UGT Cee (son 1.969 as persoas rexistradas como paradas).  En termos anuais, o paro baixou en 172 persoas (-8,03%). Os Concellos no que o descenso de paro é mais acusado son: Muxía (16 persoas) e Fisterra (14 persoas). Non se rexistra aumento de paro en ningún dos Concellos.

- Nos Concellos da UGT A Coruña, os datos da evolución do paro amosan un descenso de 440 persoas (son 23.683 as persoas rexistradas como paradas). En termos anuais, o paro baixou en 2.161 persoas (-8,36%). Os Concellos no que o descenso de paro é mais acusado son: A Coruña (229 persoas) e Carballo (57 persoas).

- Neste mes de marzo, o paro nas persoas menores de 25 anos diminúe en 3 persoas nos Concellos da UGT Cee e aumenta en 14 persoas nos Concellos da UGT A Coruña.