Continúan ás mobilizacións no comercio téxtil da provincia da Coruña

A plataforma estatal representa unha “marcha atrás” nas condicións económicas e laborais

Hoxe as traballadoras e traballadores do comercio téxtil da provincia da Coruña protagonizaron unha nova xornada de folga e mobilizáronse contra as pretensións da patronal ARTE (integrada polas grandes empresas do sector como Inditex, Mango, H&M, Primark, Cortefiel, etc.) de impoñer un convenio de ámbito estatal que minguaría as condicións laborais do sector que a día de hoxe están recollidas no convenio provincial de comercio vario.

A folga, como explicou Sheila Canzobre (UGT), afecta ao persoal do comercio téxtil das grandes compañías que están implicadas na negociación en Madrid: todas as tendas do grupo Inditex, Mango, H&M, Primark, Bimba&Lola, Tezenis, grupo Tendam (Cortefiel, Women’secret, Springfield), Sport Zone, Kiabi, Mayoral ou Punto Roma, entre outras. 

A plataforma estatal representa unha “marcha atrás” nas condicións económicas e laborais do persoal ao impoñer salarios máis baixos (entre 2.000 e 3.000 euros anuais menos), eliminar calquera concepto retributivo ligado á antigüidade e á permanencia, reducir as licencias, suprimir a voluntariedade do traballo nos domingos e festivos, introducir maior flexibilización nos calendarios e horarios e recortar incluso o complemento que se percibe nas situacións de incapacidade temporal.

A pretensión é que, a medida que vaian vencendo os convenios provinciais, o marco regulador de aplicación sexa este novo convenio estatal. 

Neste momento existen convenios coas negociacións bloqueadas e, no caso concreto da provincia da Coruña, o convenio de comercio vario (polo que tamén se regula o pequeno comercio, que non está afectado pola folga) venceu a 31 de decembro de
2025.