Continúan as mobilizacións en defensa dun convenio digno na hostalaría.

O sector non pode sosterse sobre a precariedade laboral

Fecha: 02 Set 2025

Vista aérea dunha mesa nunca cafetería

Logo da resposta masiva acadada na concentración realizada diante do Burguer Fest da Coruña, as organizacións sindicais CCOO, CIG e UGT anuncian a continuidade do calendario de mobilizacións para esixir un convenio digno na hostalaría da provincia de A Coruña.

As seguintes accións están xa confirmadas:

  • 4 e 5 de setembro – Recollida de sinaturas no Obelisco da Coruña, de 10:00 a 13:00 horas.
  • 11 de setembro – Recollida de sinaturas na Praza do Toural, Santiago de Compostela, de 10:00 a 13:00 horas.
  • 12 de setembro – Recollida de sinaturas na Praza Roxa, Santiago de Compostela, de 10:00 a 13:00 horas.
  • 26 de setembro – Concentración na Praza do Toural, Santiago de Compostela, de 11:00 a 12:00 horas, coa entrega de panfletos á cidadanía. 

Un sector con beneficios á alza e plantillas precarizadas

Os datos publicados recentemente amosan que a hostalaría da provincia da Coruña vive un verán de récords de ocupación e actividade:

  • No mes de xullo acadouse un 88 % de ocupación hoteleira, tres puntos máis que no ano anterior.
  • As terrazas e establecementos do centro rexistraron unha elevada afluencia, especialmente durante as festas, cun volume de negocio significativo.
  • A patronal recoñeceu que as cifras de 2025 igualan ou superan ás de 2023, a pesar dalgunhas incidencias climatolóxicas e loxísticas.

Este incremento de facturación e beneficios contrasta coa realidade das persoas traballadoras: salarios que apenas superan o SMI, xornadas abusivas, falta de descansos e ameazas de recortar dereitos como o complemento por Incapacidade Temporal.

Dende os sindicatos insisten en que non se pode pretender atraer nin reter persoal cualificado nun sector que cronifica a precariedade e converte a saúde laboral en moeda de cambio. As altas taxas de baixas por lesións musculoesqueléticas, estrés e fatiga crónica confirman que as condicións actuais son insostibles.

Mobilización social

Neste contexto, CCOO, CIG e UGT convocan á cidadanía e ao conxunto das traballadoras e traballadores a participar activamente nas recollidas de sinaturas e na concentración do 26 de setembro en Santiago de Compostela, baixo o lema “Por un convenio digno na hostalaría”.

As organizacións sindicais lembran que o éxito económico da hostalaría coruñesa non pode sosterse sobre a precariedade laboral. Se o sector medra en facturación e beneficios, é xusto e necesario que ese crecemento se traduza en melloras reais para as persoas que fan posible o seu funcionamento diario.