CCOO e UGT convocan concentracións en solidariedade coa CGIL italiana

A Unión Xeral de Traballadoras e Traballadores de A Coruña e Cee e o Sindicato Nacional das Comisións Obreiras condenan enerxicamente o asalto que se produciu o pasado sábado, 9 de outubro, á sede confederal do sindicato italiano CGIL en Roma, dentro dunha manifestación convocada pola ultradereita e o movemento antivacinas NoVax.

As mensaxes de odio que se lanzaron contra o noso sindicato irmán en Italia e contra o seu secretario xeral, Maurizio Landini, retrotráennos a épocas violentas cando o fascismo italiano exerceu a violencia contra os sindicatos e as Cámaras do Traballo hai exactamente cen anos. Agora, a extrema dereita rexorde estigmatizando a migrantes, mulleres, persoas LGTBI ou a negociación colectiva, negando o cambio climático e, en definitiva, cuestionando a paz e a democracia.

O novo fascismo italiano, como a ultradereita francesa, polaca, húngara ou a española, utiliza os mesmos argumentos falaces para seguir avanzando e reverberando a súa mensaxe de odio, aínda que iso signifique antepoñer espurios intereses políticos á protección da saúde pública.

As tres grandes centrais sindicais italianas (CGIL, UIL e CISL) convocaron manifestacións en Italia para o próximo sábado, día 16, en repulsa deste ataque e pedindo a ilegalización dos partidos fascistas no seu país, incluído Forza Nuova, o convocante da manifestación e instigadora do asalto á sede sindical.

CCOO e UGT queremos mostrar a nosa solidariedade coa CGIL e coa clase obreira italiana apoiando a manifestación sindical unitaria antifascista de Roma. Por esta razón, hoxe 15 de outubro, convocamos concentracións diante de todas as nosas sedes baixo o lema #MaiPiùFascismi (“fascismo nunca máis”).